A VII Festa do Tractor celebrarase o 10 de setembro cun roteiro entre Graba e Xestoso

Silleda, 4 de setembro de 2017.   Silleda volve acoller unha nova edición da ruta de tractores clásicos, organizada dende a Asociación Galega de Maquinaria Agrícola Clásica (Agamac). A cita será o vindeiro domingo día 10 de setembro e comezará sobre as 10:30 coa concentración de tractores clásicos no campo da festa da parroquia de Graba.

A continuación, os participantes iniciarán a ruta ata Xestoso, pasando por Escuadro. En Xestoso, onde está previsto que remate o periplo sobre as 12:30 horas expoñeranse os tractores  clásicos participantes.

Dado que o certame se caracterizou como Festa do Tractor, na cita que alcanza a séptima edición , poden  participar todos aqueles agricultores que desexen acudir cos seus vehículos.

Ademais de poñer en valor os históricos vehículos relacionados co noso agro, esta iniciativa tamén ten como obxectivo a promoción de enclaves turísticos do municipio. Así, en anos anteriores os tractores antigos chegaron a Xestoso dende o mosteiro de Carboeiro ou a Ferveza do Toxa.

Na ruta silledense está prevista a participación de tractores antigos restaurados chegados dende distintos puntos da xeografía galega.

Ao remate da ruta en Xestoso, que celebra a súa festa patronal nesta data,  está previsto un xantar de confraternidade. Para participar as persoas interesadas poden anotarse chamando ao 649 932307 ou ao 600 648380. 

O ciclo de cinema galego continúa este venres en Silleda coa proxección de O Apóstolo

Silleda,  4 de setembro de 2017.  A Concellería de Normalización Lingüística de Silleda, que dirixe a concelleira Pilar Peón, continúa coa programación do ciclo de cinema de producción galega.

Logo do inicio o pasado 16 de agosto na Bandeira con Os Fenómenos, a iniciativa segue este venres día 8 na praza Juan Salgueiro de Silleda, onde ás 21:00 horas se proxectará  “O Apóstolo”, o primeiro filme de animación stop-motion en tres dimensións realizado en Europa.

Esta película estrenouse no ano 2012 en  80 salas, logo de 4 anos de intenso traballo do equipo, baixo a dirección de Fernando Cortizo.

En O Apóstolo, no que participan actores como Carlos Blanco, Paul Naschy, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Celso Bugallo, Manquiña, Luisa Tosar ou Geraldine Chaplin., un preso foxe do cárcere para tentar atopar un tesouro agochado vai anos nunha aldea do Camiño de Santiago. Misterios,, estrañas desaparicións, trasnos, un cura estraño e o arcipreste de Santiago xúntanse no camiño. Mmisterio, humor, animación e invención están presentes neste fil, que acadou premios coma o do XI Festival de Cine Español de Marsella, o premio á Mellor Película de Animación no XXII Festival Internacional de Cine de Animación Animamundi (Brasil) e varios premios Mestre Mateo, entre outros.

 

 Tamén  o vindeiro día 21 está prevista outra proxección  coincidindo co Día Internacional do Alzhéimer. Neste caso proxectarase a longametraxe de animación “Arrugas”, o exitoso traballo de Ignacio Ferreras baseado na novela gráfica de Paco Roca. A cita será ás 18:30 horas na Casa da Xuventude de Silleda. 

A Ruta Solidaria BTT Trasdeza volta o día 1 de outubro

Silleda, 3 de setembro de 2017. A Ruta Solidaria BTT Trasdeza volta a Silleda o vindeiro domingo día 1 de outubro. A cita, organizada polo Club Ciclista Trasdeza  e que celebra a súa cuarta edición, foi presentada hoxe aproveitando a celebración da cita dentro da campaña Juntos en el asfalto, de Hyundai España, unha iniciativa social que promove a convivencia entre ciclistas e condutores para previr accidentes na carretera.

Nesta cita, o CC Trasdeza convidou a participar a varios clubes da zona para realizar acompañados por un coche de apoio de Hyundai nun percorrido duns 70 kilómetros que partiu esta mañá dende a praza da igrexa de Silleda. Preto de 40 ciclistas procedentes do clube organizador, do Extol La Gramola, Montes do Deza e Pazo de Anzuxao partiron cara a Laro para continuar por Lalín, Vila de Cruces, Merza, A Bandeira e voltar a Silleda, onde compartiron pinchos no restaurante Carballeira do Chousiño.

No marco desta celebración, que contou coa asistencia da concelleira de Deportes de Silleda, Ana Luisa González, presentouse a ruta solidaria, que contará con dous percorridos. A ruta longa será de 42 kilómetros e a corta de 30 kilómetros. A saída será dende o Campo de fútbol de Outeiriño, en Silleda ás 09:30 horas, percorrendo lugares emblemáticos coma o mosteiro de Carboeiro ou a Fervenza do Toxa. Haberá 3 avituallamentos (sólidos e líquidos), lavado e bicis e servizo de duchas, entre outros. A inscrición está limitada a 300 participantes. Tamén se entregarán trofeos aos gañadores nas dúas modalidades.

Para participar é preciso inscribirse (as persoas interesadas poden facelo a través da web bttrasdeza.galitiming.com). A inscición custa 8 euros máis un kilo de alimentos non perecedeiros, que se entregarán como vén sendo habitual ao banco de alimentos do programa municipal Silleda Solidaria.

Dende o Concello de Silleda, Ana Luisa González, agradeceu a iniciativa da entidade local “que nos últimos anos vén organizando esta celebración cun grande éxito”, engade. O pasado ano foron 200 as persoas que participaron na ruta solidaria aportando máis de 300 kilos de alimentos.

Vehículo de apoio

Coa celebración da cita de hoxe o CC Trasdeza súmase aos clubs españoles  que están a participar na campaña Juntos en el asfalto, a través da que a marca coreana de pon a disposición dos clubes ciclistas un vehículo de apoio, un Hyundai i30 Wagon, que dispón dunha grande cantidade de axudas á conducción e seguridade activa, coma o sistema de frendado de emerxencia, aviso de colisión, sistema de cambio involuntario de carril cambio involuntario de carril.

Esta iniciativa a nivel nacional está liderada polo ex ciclista profesional Perico Delgado e apoiada entre outros pola Dirección General de Tráfico Fundación Mapfre,  as asociación de víctimas Stop Accidentes, AESLEME e a  Asociación de Ciclistas Profesionales (ACP).

O Concello de Silleda inicia a recuperación do núcleo histórico de O Foxo

Silleda,  2 de setembro de 2017.  O Concello de Silleda iniciará a vindeira semana os traballos enmarcados no proxecto de recuperación do núcleo histórico de O Foxo. Esta primeira actuación levarase a cabo con fondos municipais e cunha subvención da Deputación de Pontevedra para comezar a poñer en valor esta poboación que gran relevancia ata principios do século XIX, atravesada ademais polo Camiño de Santiago.

O alcalde, Manuel Cuiña, acompañado do edil de Obras, Klaus Brey, e do arquitecto municipal, mantiveron en días pasados un encontro cos veciños e veciñas desta localidade, pertencente á parroquia de Silleda, para explicar as líñas xerais da iniciativa.

“Esta primeira intervención, prevista dende hai tempo pero que tivo que agardar polos pertinentes permisos doutras Administracións servirá para iniciar a rehabilitación deste lugar histórico”, indica o rexedor.

As actuacións que se acometerán inclúen a recuperación do tramo da calzada medieval que cruza o poboado. Á restauración do antigo pavimento sumarase a canalización de augas pluviais mediante presas construídas en pedra.  Así mesmo o proxecto inclúe a restauración do lavadoiro, acondicionando esta construcción con elementos tradicionais, e recuperándoo como lugar de encontro veciñal e zona de esparcimento para os moitos peregrinos que atravesan o Foxo cara a Compostela. Xunto coa posta en valor deste espazo público, tamén se recuperará a fonte da Botica, coa limpeza e restauración desta construcción histórica, que voltará á súa ubicación orixinal e contará cun pulsador de auga conectada á traída municipal para dar servizo a veciños e peregrinos. “Esta era tamén unha das grandes demandas do lugar”, lembra o alcalde.

Seguemento arqueolóxico

As obras, das que resultou adxudicataria a empresa Construccións Rey Rozados, contarán ademais con seguimento arqueolóxico, coa preceptiva supervisión dada a importancia histórica e patrimonial deste núcleo.

Tamén se inclue a dotación de novo mobiliario, como un banco que se ubicará no entorno do lavadoiro.

Dende o Concello lémbrase que as intervencións proxectadas e que comenzarán nos vindeiros días son actuacións denominadas de fomento, con participación de fondos públicos coas que se incentiva tamén á veciñanza a iniciar pouco a pouco o adecentamento e recuperación do territorio.

Rede de saneamento

Durante a xuntanza, Cuiña tamén avanzou outra destacada mellora. Así, explicou que se prevé dotar a este núcleo de poboación de saneamento utilizando un sistema con tres depósitos de decantación. Este mecanismo de depuración funciona por gravidade, co que se aforrarían gastos de matnemento ao non precisar conexión á rede eléctrica.

O alcalde sinalou que no caso de contar co visto bo da Administración Autonómica as obras poderían estar en marcha xa na vindeira primavera.

“Por la situación xeográfica de O Foxo cremos que é un sistema axeitado, e no caso de contar cos permisos buscaríamos unha finca axeitada para a instalación destas balsas”, adiantou.

Así mesmo, Cuiña advirte que este sistema podería poñerse en marcha a modo de proxecto piloto para implantar noutros núcleos pequenos de poboación do rural, “nos que poderiamos ir pouco a pouco extendendo este servizo”, engade.

As intervencións previstas en O Foxo, sumando a dotación do  alcantarillado situánse en 100.000 euros.

Importancia histórica

En O Foxo de Deza, durante a pertenza de Trasdeza á provincia de Santiago, existía Administrador Real, xuíz, botica, estanco e estafeta de Correos con cobros de Portádego para o arzobispo de Compostela e o señor Sarmiento, dono da entón poderosa fortaleza de Costela. Tamén se ubicou aquí o cuartel da Garda Civil. Alí estivo a sede do Concello dende a nova demarcación provincial de 1833 ata 1884.

Diversas fontes destacan a súa importancia como cruzamento de importantes camiños medievais, paso obrigado de arrieiros e Camiño Real, que unía Castela con Compostela. Constitúe un tipo de asentamento chamado rueiro, característico de hábitat con concentración de vivendas á carón dunha rúa principal. 

Carboeiro bate o récord absoluto de visitantes en agosto con 3.303 entradas

Silleda, 1 de setembro de 2017.  O mosteiro de Carboeiro batiu neste mes de agosto o récord absoluto de visitas no mes de verán por excelencia. Así, nos 31 días de agosto rexistráronse un total de 3.303 entradas, cifra nunha antes vista dende que se fan estadísticas das visitas a este enclave patrimonial.

O segundo mes deste ano con máis visitas foi abril (coincidindo coa Semana Santa) con 2.224 entradas, seguido de xullo, con 2.107 e maio, con 1.904. En xullo foron 1.786 as persoas que se achegaron ata o mosteiro nun ano tamén excepcional en canto á climatoloxía con outro balance moi positivo no primeiro trimestre do ano, con máis de 2.300 entradas nos tres meses.

“Como xa se prevía, Carboeiro segue a confirmarse como o gran buque insignia do turismo na nosa comarca”, sinala a concelleira de Turismo, Ana Luisa González, “tal e como se lle recordou a semana pasada ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante a súa visita ao mosteiro”, lembra a concelleira.

Novo horario

O mosteiro de Carboeiro aplica ademais dende hoxe novo horario. Así estará aberto ao público, ao igual que nos últimos dous meses de martes a domingo, de 11:00 a 14:30 horas; e pola tarde adiantase a hora de peche, estando a entrada disponible de 16:30 a 19:00 horas.

A igrexa do templo románico, o claustro, e tamén a ponte do Demo xunto co fermoso entorno natural de Carboeiro seguen a cautivar a milleiros de visitantes cada ano procedentes tando de Galicia como de diversas comunidades autónomas e países do extranxeiro. 

O Concello investirá máis de 170.000 euros na mellora dos accesos ao núcleo de Siador

Silleda, 30 de agosto de 2017.  O Concello de Silleda mellorará os accesos e pistas entre entre as vivendas do núcleo de Siador. Logo de estudar a situación dos viais, con graves desperfectos, nunha xuntanza o pasado mes de xuño, o alcalde, Manuel Cuiña e o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, volveron a reunirse cos veciños e veciñas para presentarlles xa o proxecto de actuación.

A inversión total supera os 170.000 euros, executándose a obra en dúas fases. Nunha primeira, que se realizará xa este ano, mellorarase o acceso principal ao lugar, ancheando a vía e construindo un muro de contención. “Está actuación é moi necesaria xa que a pista, tal e como está, corre o risco de derrubarse”, indica o alcalde. O acceso principal, con fondos baches, dotarase de aglomerado, barandillas para o citado muro, e as correspondentes canalizacións. A inversión nesta primeira fase será de 115.000 euros.

Cuiña avanzou que o proxecto se aprobará na vindeira xunta de goberno local e que a actuación restante, coa que se mellorará todo o viario que transcurre entre as vivendas, se incluirá, cunha dotación aproximada doutros 60.000 euros, no orzamento municipal de 2018.

Nese caso o viario entre as vivendas –de escasas dimensións-mellorarase con formigonado.

Esta actuación acometese con fondos propios municipais, “co ánimo de seguir mellorando a nosa extensa rede viaria do rural”, engade Cuiña. 

Comezan as obras de reforma integral do campo de fútbol da Gandareira

Silleda, 29 de agosto de 2017.  Hoxe deron comezo as obras da primeira fase da remodelación integral do Campo de Fútbol da Gandareira, na Bandeira.

A empresa adxudicataria desta actuación, Taboada y Ramos, iniciou os traballos desta agardada actuación, na que se investirán máis de 400.000 euros, financiados a través dun convenio coa Deputación de Pontevedra.

Esta dotación é unha das máis agardadas tendo en conta que o da Bandeira é o único dos 4 campos de fútbol de Silleda que aínda ten o terreo de xogo en terra.

Esta obra, será unha das grandes inversión deste ano en Silleda no ámbito das infraestruturas deportivas xunto coa renovación da manta de herba sintética do campo de Outeiriño en Silleda, rematada a principios deste mes. Os traballos na Gandareira comezaron co derribo dos cierres do campo. Ademais dos operarios da firma adxudicataria, varios traballadores municipais colaboraron nesta primeira xornada na retirada de material aproveitable e diversos enseres que se gardarán mentres duren as obras.

“Hoxe iniciamos a que será unha das grandes actuacións desta lexislatura, que xunto coa renovación do terreo de xogo de Outeiriño, e outras melloras virán a situar ao noso municipio nun dos que contan con mellores infraestruturas deportivas”, apunta o alcalde, Manuel Cuiña, que hoxe se achegou ata a Gandareira.

Ademais da dotación de herba artificial, similar a do campo de Outeiriño-tamén se construirán novas gradas e aseos con esta reforma integral.

Os campos de fútbol de Silleda e da Bandeira súmanse ás obras realizadas polo Concello nos anos 2012 e 2013 nos campos de Lamela e Laro, respectivamente, coa dotación de terreos de xogo de herba natural. Nestes dous últimos continúanse a facer melloras tamén como a da colocación de colectores solares para contar con auga quente sanitaria.

“Dende o Concello de Silleda apostamos por mellorar os equipamentos deportivos con distintas obras de mellora ás que agora se suma a agardada e necesaria remodelación integral do campo da Gandareira”, engade o alcalde.

 

O Concello de Silleda instalará estufas de pellets en dez centros sociais do rural

Silleda, 28 de agosto de 2017.  O Concello de Silleda instalará nos vindeiros meses un total de dez estufas de pellets noutros tantos centros sociais do rural. Esta dotación, nos locais parroquiais que na actualidade non dispoñen destas estufas, instalaránse nos centros de Refoxos, Fiestras, Parada, Margaride, Chapa, O Curro (Cira), Piñeiro, Cervaña, Martixe e Carboeiro.

A actuación lévase a cabo a través dunha liña de subvencións do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). Así, dos 2.117,50 euros que custa cada unha delas, esta entidade subvenciona un total de 1.694 euros.

“Na última ronda de reunión nas parroquias que tivemos comprobamos que quedaban localidades que aínda non dispoñen deste tipo de instalacións que sí figuran noutros centros sociais, polo que con esta actuación damos resposta a unha das demandas comúns nestas localidades”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Coa colocación destas estufas as parroquias antes citadas disporán dun novo servizo para poder realizar actividades durante o inverno nos locais sociais. “Nos últimos anos fomos realizando melloras, moitas delas en colaboración cos colectivos veciñais, e agora continuamos completando a colocación destas estufas de pellets nos lugares que aínda non dispoñen delas”, engade Cuiña.

 

A Concellería de Benestar organiza unha excursión a varias localidades de Portugal do 3 ao 6 de outubro

Silleda, 25 de agosto de 2017.  A Concellería de Benestar Social de Silleda que dirixe Pilar Peón, programa unha nova excursión a través do Club do Centro Social dos Maiores a principios do vindeiro mes de outubro, no marco do programa municipal Silleda Activa. O destino será o veciño Portugal, con visita a varias localidades entre os días 3 e 6 de outubro.

Na primeira xornada a saída será ás 07:00 horas dende Silleda e A Bandeira, con visita e xantar en Aveiro, parada pola tarde en Nazaré e cea e noite en Setúbal. Dende alí, a expedición trasladarase o día 4 a dúas coñecidas e turísticas localidades do entorno, como son Sintra e Estoril. O día 5 visitarán Lisboa, coñecendo tanto o centro histórico como outros puntos da cidade.

Na última xornada, a do venres día 6, visitarase xa no traxecto de volta as vilas de Óbidos e Coimbra.

O prazo de inscrición abrirase o vindeiro venres día 8 de setembro. O prezo da viaxe, con todo incluido, é de 245 euros por persoa. Os interesados poden informarse e inscribirse na Casa da Cultura de Silleda ou chamando ao teléfono 986 581028.

O Concello pon a disposición dos veciños o céspede artificial retirado do campo de Outeiriño

Silleda, 17 de agosto de 2017.  O Concello de Silleda porá a disposición dos veciños e veciñas céspede artificial sobrante do que se retirou do campo de fútbol de Outeiriño.

Este equipamento, que se renovou recentemente, xa foi instalado en distintos puntos e infraesturturas municipais (rotondas, instalacións coma as piscinas…), pero toda vez que hai cantidade suficiente deste material, dende o Concello decidiuse poñelo tamén a disposición dos particulares.

“Como hai metros suficientes do césped retirado todas aquelas persoas que o desexen poden solicitalo no Concello”, indica o alcalde.

As persoas interesadas deben de facer unha solicitude por escrito no Rexistro Municipal.

Esta herba artificial, que xa non servía para a práctica de fútbol, foi retirado o mes pasado logo da renovación de todo o terreo por parte do Concello, cunha inversión de máis de 200.000 euros realizada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

 

 Ir á páxina seguinte Ir á última páxina