Silleda logra outra inversión histórica con máis de 590.000 euros para urbanizar o entorno da Residencia de Maiores

Silleda, 5 de abril de 2018.  A vila de Silleda continúa mellorando a súa rede viaria e entorno cun novo proxecto. Baixo o nome “Mellora da Mobilidade Peonil na EP 6518 Silleda-Ponte”, acometerase a urbanización do entorno que discorre entre a rotonda de acceso á Semana Verde e a Residencia e Centro de Día de Maiores, que se está a construir.

Esta actuación conta cun orzamento de 594.320,42 euros, que chegan a través dun convenio coa Deputación de Pontevedra –titular desta vía- e o Concello. O acordo, que está previsto tamén dar conta no pleno de mañá, establece que a Deputación aportará o 70 por cento da inversión e o Concello o 30% restante.

“Logramos con esta actuación outra inversión histórica para o noso municipio que mudará o aspecto desta zona e suporá iniciar un proxecto máis ambicioso a nivel de ordenación urbanística”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

A actuación nlevarase a cabo nun tramo de 441 metros, dende a intersección coa rúa Feira Internacional de Galicia ata a rotonda da PO-205. O proxecto suporá a transformación desta vía, na pasa a humanizarse con distintas actuacións (medidas de sinalización, clamado de tráfico e creación de espazos peatonais).

Creación dunha praza urbana

Así mesmo, e dadas as características do terreo, tamén se proxecta crear unha meseta elevada como zona de convivencia –entre a Residencia e o Hotel Vía Argentum- con carácter de praza urbana.

Inclúense ademais melloras en distintos servizos como o alumeado público, saneamento e abastecemento, soterramento de liñas eléctricas, xardinería e mobiliario urbano.

“Con esta actuación que esperamos poder tramitar canto antes non só culminaremos un dos servizos máis agardados polos veciños e veciñas como é a futura Residencia e Centro de Día de maiores, senon que tamén se abrirá a creación do que será o cinturón verde de Silleda, unindo a zona deportiva e do recinto feiral coa carballeira das Pedrosas na que tamén se vén de acometer unha importante mellora e incorporando iluminación”, indica Manuel Cuiña.

A humanización  deste entorno, ubicado preto do recinto deportivo e educativo de Silleda contribuirá tamén a reforzar a seguridade viaria neste tramo.

“A día de hoxe en Silleda estanse executando ou a punto de iniciarse obras destacadas como a Residencia o campo de fútbol de Bandeira, ou a futura rede de calor con biomasa que será pioneira en Galicia, e que supoñen unha inversión total que ronda os 6 millóns de euros”, explica o alcalde.

 

 

Convocado o VII Concurso de Microrrelatos

A Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe Pili Peón, vén de convocar o VII Concurso de Microrrelatos. O prazo de presentación dos traballos será do 2 de abril ao 7 de maio. Velaí as bases do certame:

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Silleda organiza e convoca o VII Concurso de Microrrelatos, en adiante,  “O Concurso”,  que se rexerá polo disposto nas seguintes bases:

Primeira.-  Participantes

O concurso está dirixido a todas as persoas maiores de 6 anos que estean empadroadas en Silleda. Establécense dúas categorías:

  1. De 6 a 12 anos
  2. De 13 anos en diante

Cada participante poderá presentar un único traballo

 

Segunda.- Temática

A temática desta edición será: A EMIGRACIÓN

Valorarase o orixinalidade a creatividade.

 

Terceira.- Procedemento de participación

Todas as persoas interesadas en participar no concurso deben presentarán o traballo, xunto coa documentación establecida, no Rexistro Xeral do Concello de Silleda, ou ben envialo por correo postal na forma reglamentariamente establecida.

A forma de presentación será en papel DIN A4, sempre asinado cun pseudónimo, nun sobre pechado no que irá escrito o nome do Concurso e a categoría na que participa. Ademais deste, incluirase, dentro do mesmo, outro sobre pechado, co pseudónimo e o nome do Concurso escrito por fóra, dentro do cal se debe incluír unha tarxeta cos seguintes datos:

  • Nome e apelidos do autor, e pseudónimo
  • DNI
  • Nº de teléfono
  • Enderezo postal e enderezo electrónico
  • Idade
  • Título do relato

 

No caso de centros educativos cuxo alumnado participe conxuntamente, os traballos presentaranse todos xuntos nun sobre e os datos estarán anotados pola parte de atrás de cada traballo (nome, apelidos e idade).

O Microrrelato deberá ir titulado e estar integramente escrito en galego, e poderá ser presentado ben :

  • Escrito a ordenador: máximo 500 caracteres, non se terán en conta signos de puntuación
  • Escrito a man: máximo 100 palabras, non se terán en conta signos de puntuación

 

Os traballos deberán ser inéditos e non ter sido presentados a outro concurso ou certame ou a este mesmo en edicións anteriores.

 

Cuarta.- Prazo de presentación

O prazo para a presentación de traballos comeza o vindeiro 2 de abril e remata o 7 de maio de 2018

 

Quinta.- Selección do gañador e/ou gañadora

O xurado encargado de elixir os mellores microrrelatos estará composto por dous profesionais dos medios de comunicación e a concelleira de Normalización Lingüística, Pili Peón, ou persoa en quen delegue.

O fallo do xurados darase a coñecer antes do 31 de maio, e os nomes dos gañadores e/ou gañadoras serán publicado a través das web www.silleda.gal e notificado aos interesados a través do enderezo facilitado. En caso de non poder localizalos no prazo máximo de catro días naturais dende que se emita o fallo, o premio será concedido ao seguinte finalista.

 

Sexta.- Premios

Na categoría de 6 a 12 anos:

  • 1 tablet valorada en 100€
  • 1 vale de 20€ para canxear en comercios do municipio de Silleda

Na categoría de 13 anos en adiante:

  • 1 tablet valorada en 100€
  • 1 vale de 20€ para canxear en comercios do municipio de Silleda

Ademais se o gañador ou gañadora pertence a algún centro educativo do Concello de Silleda, entregaráselle un vale de 50€ para mercar libros en galego para a biblioteca do Centro Educativo, en librerías do municipio.

 

SEPTIMA.- Aceptación das bases

O Concello de Silleda resérvase o dereito de descartar e excluír do Concurso aos participantes que:

  • Se inscriban con datos falsos ou existan indicios de que puideran levar a pensar que os datos son falsos. A estes efectos, poderase esixir aos participantes a verificación dos seu datos si se considera oportuno.

 

  • Cando de calquera forma fraudulenta ou artificial manipulen a súa participación no Concurso.

 

 

  • Cando o Concello de Silleda considere que os relatos conteñen elementos que de calquera xeito poidan considerarse contrarios aos dereitos fundamentais e as liberdades públicas, induzan, inciten ou promovan actuacións denigrante ou violentas en xeral. Tamén se se atopan protexidas por calquera dereito de propiedade intelectual ou industrial pertencentes a terceiros sen que o participante obtivera previamente a autorización necesaria para levar a cabo o uso efectuado ou que pretenda efectuar.

 

  • Cando se incumpran as presentes bases de calquera xeito

Estas bases enténdense aceptadas polo feito de inscribirse no Concurso. Calquera quebrantamento destas suporá a descalificación inmediata do traballo presentado.

O Concello de Silleda resérvase o dereito de modificar as condicións do Concurso en calquera momento, e incluso de anulalo ou deixalo sen efecto. En todo caso, comprométese a comunicar as Bases modificadas a través da web www.silleda.gal de forma que todos os/as participantes teñan acceso a antedita información.

 

Oitava.- Exoneración de responsabilidade

O Concello de Silleda queda exonerado, non facéndose responsable, respecto do incumprimento do participante de calquera garantía en materia de dereitos de propiedade intelectual, industrial ou de imaxe, así como de calquera responsabilidade que puidera derivar do incumprimento ou cumprimento defectuoso dos participantes no Concurso das presentes Bases.

Asemade, o participante cede os seus dereitos do seu Microrrelato ao Concello de Silleda para a publicación e difusión deste, por parte desta Administración Local, a través de redes sociais, páxina web e/ou publicacións, sen fins lucrativos.

 

 

O mosteiro de Carboeiro recibiu máis de 500 visitas en Semana Santa pese ao mal tempo

Silleda, 11 de abril de 2018.  O mosteiro de Carboeiro rexistrou un total de 515 entradas durante os días festivos da pasada Semana Santa, unha cifra que da conta do interese que segue a despertar este conxunto histórico e patrimonial e o seu entorno, xa que as condicións meteorolóxicas non acompañaron durante esas xornadas.

“Estamos lonxe dos case 1.000 visitantes que tivemos na Semana Santa de 2017, cun tempo moi soleado. Pero tendo en conta a situación meterolóxica desas datas, mesmo con temporais, as cifras son máis que satisfactorias”, indica a concelleira de Turismo, Ana Luisa González.

O xoves Santo foi o día de maior afluenza, con 158 visitas, seguido do Sábado Santo, con 131 entradas, o Domingo de Pascua , con 124 e o Venres Santo, que superou as 100 entradas (102 en concreto) pese a ser o día de máis choiva e vento.

Os accesos durante estes catro días festivos supoñen case a metade do balance mensual de visitas, xa que o pasado mes de marzo se rexistraron un total de 1.212 entradas ao mosteiro románico.

“O balance tendo en conta que o tempo segue sen acompañar non pode ser máis satisfactorio”, remarca Ana Luisa González, que lembra os milleiros de visitantes que recibe Carboeiro e o seu entorno cada ano.

A día de hoxe o mosteiro conta con horario de primavera, abrindo de martes a domingo en horario de 11:00 a 14:30 e polas tardes de 16:30 a 19:00 horas.

Este horario de primavera  aplicarase ata o vindeiro mes de xuño,  ampliándose novamente en xullo co horario de verán (cando estará aberto ao público ata as 20:30 horas). O luns, cómo vén sendo habitual, o mosteiro estará pechado ao público.

As obras do Centro Multiusos de Inserción Social de Silleda, a punto de rematar

Silleda, 10 de abril de 2018.  As obras para crear unha centro multiusos  no recinto deportivo da capital municipal están a piques de rematar.  O proxecto denominado Centro Multiusos de Inserción Social execútase con cargo ao programa Leader -a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Pontevedra Norte-e supón un investimento de 101.446 euros.

Esta nova dotación está situada entre o recinto das piscinas municipais de  de Silleda e o campo de Outeiriño, co que os usuarios de ambalas dúas instalacións poderán utilizar de forma complementaria este recinto. Este centro tamén está situado preto do pavillón municipal pavillón deportivo “César G. Fares”.

As novas instalacións contan con aseos, unha sala principal polivalente e outras dúas aulas máis. A día de hoxe xa está prácticamente listo o acondicionamento interior do local, restando o acabado exterior e a dotación de portas e ventanas.

“Cremos que se trata dunha actación moi beneficiosa para os veciños e veciñas xa que virá a complementar a oferta de servizos que temos en canto a instalacións”, sinala o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, que hoxe visitou os traballos.

“A zona deportiva contará nas vindeiras semanas cun novo espazo de carácter social onde se poderán realizar distintas actividades”, engade o concelleiro.

 

O Concello de Silleda instalará paneis informativos no rural

Silleda, 7 de abril de 2018.  O Concello de Silleda acometerá nos vindeiros meses un proxecto para a instalación de paneis informativos no rural . Para facilitar a comunicación cos veciños e a colocación de avisos ou outras informacións de interese, dende o goberno municipal encargouse un proxecto para acometer esta actuación, cunha inversión total de 32.319,82 euros, que se acometerá con cargo á partida que lle corresponde ao municipio dentro do Plan Concellos.

Esta dotación, xa contemplada no orzamento municipal, consistirá na colocación de preto de 40 paneis cun diseño axeitado e integrado no entorno.

Estes paneis contarán con tellado e cunha estrutura para minimizar o impacto no entorno e a facilitar a súa integración paisaxística.

“Trataremos de instalar estes dispositivos na zona con maior afluencia e visibilidade a fin de facilitar información aos veciños e veciñas “, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Esta iniciativa forma parte das actuacións de mellora no rural que se levan a cabo dende o Concello para dinamizar as parroquias silledenses.

Convocado o III Concurso de Cómic da Biblioteca Municipal Daniel Castelao

A Concellería de Educación, que dirixe Pilar Peón, vén de convocar a terceira edición do Concurso de Cómic da Biblioteca Municipal Daniel Castelao. A temática será a AUGA. Velahí as bases do certame:

CONVOCATORIA DO CONCELLO DE SILLEDA PARA A CONCESIÓN DE PREMIOS DO III CONCURSO DE CÓMIC BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DANIEL CASTELAO

 

A presente convocatoria ten por obxecto a concesión de premios do III Concurso de Cómic da Biblioteca pública municipal Daniel Castelao do Concello de Silleda, co tema “A AUGA”

Con dotación económica para premios, con cargo á aplicación orzamentaria 326-48 do orzamento municipal vixente.

Esta convocatoria rexerase polas Bases que estarán a disposición dos interesados na Casa do Concello de Silleda, na Biblioteca pública municipal Daniel Castelao e na web municipal.

 

BASES PARA A CONCESIÓN DE PREMIOS DO III CONCURSO DE CÓMIC BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DANIEL CASTELAO, DO CONCELLO DE SILLEDA.

Primeira: Obxecto

A presente convocatoria ten por obxecto a concesión de premios polo deseño de cómics, que traballen a temática de, “A AUGA”

Segunda: Participantes

Poderán participar de xeito individual ou por grupos, cun máximo de 3 persoas,  o alumnado dos centros de ensino do Concello de Silleda de educación primaria e secundaria (ESO)

Terceira:  Formato

A obra será orixinal, en branco e negro ou en cor realizada con técnica libre e en lingua galega.

O formato será único, DIN A-3, dobrado pola metade para obter 4 páxinas.

Os traballos presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Silleda nun sobre pechado, que irá acompañado da folla de inscrición, onde aparecerá:

  • Título do traballo
  • Nome dos/das autores/as
  • Curso ao que pertencen
  • Nome do centro de ensino

Os traballos que non cumpran con estes requisitos non poderán participar no concurso.

Cada individuo ou grupo só poderá presentar un único traballo

Cuarta: Prazo

O prazo de presentación dos traballos comeza o día seguinte á publicación destas bases na páxina web do Concello de Silleda e rematará o 20 de abril de 2018. 

O lugar de presentación será o Rexistro Xeral do Concello de Silleda, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00h

A concesión dos premios notificaráselles aos beneficiario e publicarase na páxina web do Concello de Silleda e nos medios de comunicación locais.

Entenderase que o/a beneficiario/a acepta o premio se no prazo de 10 días, a contar dende o día seguinte ao da recepción da notificación, non se manifesta en sentido contrario.

Quinta: Exposición

Farase unha exposición, con todas as obras participantes, na Casa da Cultura de Silleda e igualmente subiranse ás redes sociais  do Concello e a páxina web.

Ao finalizar a exposición devolveranse os orixinais, excepto os premiados que quedarán en poder da Biblioteca Pública Municipal de Silleda e poderán ser editados.

Sexta: Premios

Os premios en metálico serán destinados como achega para as excursións de fin de ciclo, enténdese 6º de primaria e 4º da ESO, dos centros de ensino. Si nin os centros educativos nin as ANPAS organizasen as anteditas viaxes destinarán o premio ás actividades que estimen.

 

Os demais premios serán para cada un dos gañadores.

Categoría: educación primaria

  • Mellor cómic, 150€ e uns auriculares e un altofalante inalámbricos para cada un dos/as gañadores/as
  • Mellor argumento, 75€, e un lote de material escolar para cada un dos/as gañadores/as
  • Mellor ilustración, 75€ e un lote de cómics para cada un dos/as gañadores/as

 

Categoría: educación secundaria obrigatoria (ESO)

  • Mellor cómic, 150€ e uns auriculares e un altofalante  inalámbricos para cada un dos/as gañadores/as
  • Mellor argumento, 75€, e un lote de material escolar para cada un dos/as gañadores/as
  • Mellor ilustración, 75€ e un lote de cómics para cada un dos/as gañadores/as

 

Sétima: Xurado

O xurado que enviará a súa proposta de concesión de premios á Xunta de Goberno Local sendo este o órgano competente para a súa concesión, será nomeado pola concelleira de Educación, e estará composto por persoas vencelladas á Biblioteca, ao mundo da cultura local, e por un/ha técnico/a da Concellería.

A decisión do xurado darase a coñecer antes do día 18 de maio de 2018

 

Oitava: Obrigas dos/das beneficiarios/as dos premios.

A participación neste concurso supón a plena aceptación das presentes bases.

 

Novena: Outras disposicións

Calquera feito non previsto nestas bases, ou dúbida sobre a interpretación das mesmas resolverase a criterio da Concellería de Educación do Concello de Silleda, ou se procede, do xurado

 

 

 

 

 

O Concello de Silleda pon en marcha a primeira campaña deste ano para a recollida de plásticos agrícolas

Silleda, 5 de abril de 2018. O Concello de Silleda pon en marcha un ano máis a campaña de recollida de plásticos agrícolas e de invernadoiro, en colaboración coa entidade  “Solucións Integrais para o Medio Ambiente”, SIMA, S.L. que realizará o servizo.

O Concello de Silleda, a través das  Concellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, dirixidas por Klaus Brey e Jesús Taboada respectivamente, inicia neste mes a que será a primeira  fase do ano do programa de Recollida de Primavera de Plásticos Agrícolas de Silos e Invernadoiros.

Así, os veciños e veciñas poderán chamar ata o vindeiro xoves día 19 de abril para dar os correspondentes avisos, aos números 986 581028,  986180245 e 986 580000, en horario de 08.00 a 15.00 horas, indicando nome, apelidos, teléfono e ubicación dos plásticos. Unha vez ordenada a relación de solicitudes, programarase o calendario de recollida por zonas, informando en cada parroquia dos días en que pasará  o camión do servizo. Dende o departamento de Medio Ambiente, advírtese aos usuarios da importancia de dar os avisos dentro do prazo establecido, ata o día 19, para programar a recollida, avisando de que calquera petición ou chamada posterior non será tida en conta.

A campaña inclúe, un ano máis,  o envío de 2.000 folletos informativos sobre esta campaña aos domicilios nos vindeiros días, nos que tamén se informa dos horarios e residuos que se admiten no Punto Limpo, un servizo totalmente gratuito a disposición do público todos os mércores e sábados en horario de 09:00 a 14:00 horas.

Unha vez que se recollan todos os avisos, ao igual que en anos anteriores establecerase un calendario de recollida por zonas, avisando telefónicamente aos usuarios que estén anotados.

 Os agricultores e gandeiros deberán de dobrar e empacar os plásticos da mellor forma posible. Ademais, os plásticos deberán de ter ademais a menor sucidade posible, e evitar conter outras materias impropias que dificulten os traballos de reciclaxe. Tamén se debe de evitar metelos en sacos big bag que dificultan os procesos de reciclado.

Retirados 87.700 kilogramos en 2017

No pasado ano 2017 recolléronse no municipio de Silleda nas dúas campañas realizadas un total de 87.700 kilos de plástico, tras recibir un total de 228 avisos en total procedentes de veciños e veciñas de 30 parroquias.

Esta é a décima campaña que se pon en marcha en Silleda, logo de que a iniciativa da recollida porta a porta se iniciara no ano 2008.

 “Son datos moi alentadores porque cada ano segue a aumentar o número de plásticos recollidos, o que da conta do compromiso dos nosos veciños á hora de facer unha reciclaxe axeitada deste tipo de residuos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

A Escola de Baloncesto de Silleda bota a andar este sábado con máis de 20 alumnos e alumnas

Silleda, 4 de abril de 2018.  A Escola de Baloncesto de Silleda bota a andar este fin de semana da man da Fundación Heracles, vinculada ao Obradoiro CAB. As clases comezan o sábado ás 11:00 horas no pavillón municipal de Deportes César Fares de Silleda. A escola nace inicialmente con 22 alumnos e alumnas que se anotaron nas últimas semanas logo da apertura do prazo por parte da Concellería de Deportes.

O coordinador da escola será o silledense Pablo Cerdeira, vinculado a este deporte e con ampla experiencia no mundo do baloncesto.

As clases de iniciación terán lugar no pavillón silledense onde tamén se disputan os encontros do Obradoiro Silleda, filial do equipo da liga ACB.

“Tal e como se avanzou nos últimos meses a escola bota a andar en abril. Mañá serán avisados personalmente todos os inscritos para informar do inicio da escola este sábado”, indica a concelleira de Deportes, Ana Luisa González. Así mesmo todos aqueles que desexen incorporarse aínda están a tempo de inscribirse . “A escola segue aberta a novas incorporacións”, indica Ana Luisa González, que destaca a gran acollida que está a ter a iniciativa.

Este domingo, partido co equipo líder, o Marín

Por outra banda o Obradoiro Silleda disputa este domingo ás 18:00 horas no pavillón silledense un novo encontro da liga EBA, desta volta co Marín Peixegalego, líder na clasifación 

As bases do Plan Municipal de Creación de Emprego abordaránse no pleno do vindeiro venres

Silleda, 3 de abril de 2018.  A orde do día do vindeiro pleno ordinario de Silleda, que se celebrará este venres día 6 ás 10:00 horas inclue a aprobación das bases do Plan Municipal de Creación de Emprego para o exercicio 2018. As bases, similares ás do ano 2017, publicaránse unha vez aprobadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra e estarán tamén colgadas na web municipal. As axudas, que foron postas en marcha polo goberno municipal ao principio desta lexislatura poden chegar ata os 3.000 euros para as persoas que –estando no paro- decidan emprender un negocio .

Puntúase que o promotor/a do proxecto sexa parado/a de longa duración;  a apertura de local; a alta no Réxime de Autónomos; a contratación de persoal; e prímanse aqueles proxectos relacionados co sector primario, medio ambiente o que aposten polo I+D+I. 

Tamén se outorgan puntos extra, para aqueles casos nos que os proxectos sexan promovidos por mulleres con cargas familiares de unidades monoparentais.

“O grande obxectivo que nos propuxemos con este programa é en definitiva a creación de emprego”, indica o alcalde, Manuel Cuiña. Os orzamentos municipais recollen para este programa unha partida similar a de 2017, con 15.000 euros, que se incrementarían se fora necesario.  As bases introducen  ao igual que o pasado ano a esixencia dun prazo mínimo de apertura de un ano. De feito, unha vez concedidas as axudas faránse efectivas co pagamento do 75% no momento de ser outorgada a subvención,  e o 25% restante aos seis meses.

O alcalde lembra que dende a súa posta en marcha xa se outorgaron máis dunha ducia de axudas. Tamén no pleno do venres (sesión correspondente ao pleno ordinario de marzo que se pospuxo polos festivos da Semana Santa) se acordará a adhesión de Silleda ao programa Doing Bussiness, “unha iniciativa que tamén ten por obxectivo favorecer o fomento do emprego con condicións vantaxosas para as empresas que se instalen no noso municipio”, engade.

Certame da campaña de empadroamento

Tamén no pleno do venres se someterán a aprobación as bases do certame Nas Festas somos máis, enmarcado na campaña de fomento do empadronamento. O concurso volverá a repartir un total de 3.000 euros entre as organizacións de festas do municipio (un premio de 1.500 euros, outro de 1.000 e un terceiro de 500 euros). As bases incluen como novidade que a contratación de grupos locais puntuará ata un máximo de 20 puntos, en lugar dos 30 propostos o ano pasado, para evitar desfases na puntuación final.

 

 

 

Regulamento para o Servizo Lúdico Educativo

Por outra banda tamén figura na orde do día, entre outros temas, a aprobación do regulamento de organización e funcionamento do Servizo Lúdico Educativo de partir dos centros de ensino fóra do horario lectivo, e a aprobación da taxa reguladora deste servizo.

A adxudicación das obras da segunda fase do campo de fútbol da Gandareira, na Bandeira, á empresa Taboada y Ramos, a única oferta que se presentou, é outro dos puntos da orde do día do pleno.

 

Rexistradas un total de 137 solicitudes para a bonificación do 95% no IBI das explotacións agrogandeiras

Silleda, 3 de abril de 2018.  O Concello de Silleda rexistrou dende o pasado día 1 de xaneiro un total de 137 solicitudes para acollerse á bonificación do 95% do Imposto de Bens Inmobles para as construcción agrogandeiras.

Esta medida foi acordada polo goberno municipal xa o pasado ano, logo de saber que a revisión catastral integral realizada dende a Dirección Xeral do Catastro incluiría a referenciación de construccións relacionadas co sector primario. Os propietarios de estabulacións, naves, galpóns, ou invernadoiros –sempre que estén en activo-  foron atendidos nos últimos tres meses no  Punto de Información Catastral (PIC) do Concello, situado nas oficinas municipais da rúa Alfonso Trabazo, onde se tramitaron as solicitudes das correspondente bonificación dende o pasado 1 de xaneiro.

Coa modificación da normativa municipal, proposta pola Alcaldía e que entrou en vigor en xaneiro de 2017, recóllese a bonificación do 95% da parte da cuota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) na construcción de instalacións rústicas indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, coa declaración previa de especial interese e utilidade pública municipal, social e de fomento do emprego.

Esta medida xurdiu como resposta á aplicación da resolución da Dirección Xeral do Catastro para levar a cabo a actualización pola cal se teñen que catastrar todas as fincas do rural, así como dar de alta bens como instalacións rústicas, que son catalogadas como almacéns ou vivendas.

A consecuencia disto, as instalacións agrarias inclúense dende o ano no imposto  Imposto de Bens e Inmobles, co cal pasaron a pagar a cota correspondente.

Dende o Concello, e acolléndose á normativa que permite as bonificacións potestativas, instouse ó pleno a establecer o máximo permitido de bonificación da cota íntegra do IBI, (95%), declarando ao sector gandeiro como sector estratéxico. “Ningúen dubida do peso do sector primario no noso Concello”, sinala o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuíña, que advirte que con esta bonificación “tamén axudamos a un sector que agora se ve afectado por esta revisión catastral do Estado logo das moitas vicisitudes polas que vén pasando”, engade.

Novo prazo en 2019

Tal e como estipula a normativa municipal, para o vindeiro ano 2019 abrirase de novo un prazo dende o 1 de xaneiro e ata o 31 de marzo para que todos aqueles veciños e veciños que cumplan os requisitos poidan facer a solicitude. Dende o Concello lémbrase que é unha bonificación rogada, co que debe de solicitarse todos os anos.

 Ir á páxina seguinte Ir á última páxina